Nun acto encabezado polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, o Porto de Vigo presentou esta mañá a súa nova Oficina de Cambio Climático.
Este paso consolida unha estratexia iniciada hai máis dunha década e posiciona o porto vigués como un referente europeo en economía azul e sustentabilidade enerxética. Durante o acto de presentación, o director de AENOR en Galicia, José Enrique Rodríguez, fixo entrega ao máximo responsable portuario da certificación ISO 50001, ao tempo que destacou como Vigo é un porto referente na súa defensa do medioambiente e a sustentabilidade, xa que conta, desde hai máis de 20 anos, coas certificacións máis esixentes neste ámbito.
Ecosistema dixital para a descarbonización
O corazón desta Oficina de Cambio Climático é unha ferramenta dixital pioneira, desenvolvida no marco do proxecto Digital CoLogistics. Tras cinco anos de desenvolvemento, esta plataforma permite o cálculo preciso da pegada de carbono, ao medir as emisións de buques, trens, transporte terrestre e da propia Autoridade Portuaria; asesoramento mediante IA, conectado coa Oficina de Cambio Climático, integrando por primeira vez unha Intelixencia Artificial que recomenda ás empresas que investimentos realizar para descarbonizarse e canto tempo tardarán en recuperar dito investimento.
Desde a súa entrada en funcionamento, xa son 16 as empresas que testaron con éxito esta ferramenta no porto.
Resultados históricos
Durante a presentación, destacáronse os logros acadados desde que o porto comezou a medir a súa pegada de carbono en 2014. Así, a Autoridade Portuaria reduciu a súa pegada de carbono nun 90%, mentres que as empresas lograron unha redución superior ao 45%. Neste contexto, o máximo responsable portuario recordou que a terminal de Bouzas xa conta cun sistema OPS de conexión eléctrica a terra, permitindo que os buques apaguen os seus motores mentres están atracados.
Tamén se referiu Botana a que “Vigo foi o primeiro porto en presentar un compromiso de descarbonización na ONU en 2016. Hoxe, a economía azul marca o noso modelo estratéxico: queremos ser un foco para atraer talento, empresas e investimentos verdes”, afirmou o presidente da Autoridade Portuaria.
Cara a un estándar nacional
O obxectivo final é que esta ferramenta de xestión climática, nacida no propio Porto de Vigo, se converta nun estándar. Por iso, e segundo avanzou o máximo responsable portuario, proximamente ofreceráselle a dous ou tres portos nacionais para o seu testeo, coa ambición de que sexa a plataforma de referencia a nivel estatal.
Por último, Botana incidiu en que o Porto de Vigo é un referente mundial no tráfico de peixe e un pilar da economía azul, destacando pola súa aposta pola innovación tecnolóxica e a sustentabilidade, sendo pioneiro na implementación de combustibles alternativos como o Bio-GNL e o metanol verde.